lunes, 4 de noviembre de 2013

“De Pedrafita do Cebreiro a Portela de Lóuzara”





Hoxe quero contarvos  donde está a  miña aldea natal Portela. Portela pertence ao concello de Samos na Provincia de Lugo,  está  situada no máis alto  das montañas de Lóuzara,  berce de artistas, artesáns  e poetas, un deles, o poeta  Fiz Vergara Vilariño.
Portela de Lóuzara  está ademais  moi  preto  O Courel, terras e paisaxes que inspiraron os versos e poemas  de   María Mariño e Uxío Novoneira, dous grandes  escritores e poetas galegos.


Para chegar alí, desde Madrid,  por  forza,  é preciso pasar por unha das etapas máis bonitas da ruta do Camiño de Santiago, moitos camiñantes inician a súa peregrinación precisamente en Pedrafita do Cebreiro pasando polo Cebreiro, claro que eu,  cando pasei a ultima vez por alí estaba chovendo e había moita néboa, non tiven a sorte de ter un día despexado e desfrutar da paisaxe por uns instantes.

Como dicía,  saes de Pedrafita xa sexa andando, en bici ou en coche,  pola estrada  que descorre por un frondoso bosque, ata ascender a unha  cume, ate chegar ao Santuario do Cebreiro,  unha aldea que pertence ao Concello de Pedrafita do Cebreiro, provincia de Lugo.

Como queira que sexa, é parada obrigada nese lugar  tanto se es peregrino coma se non, a paz espiritual  que podes sentir  dentro dos muros do Santuario do Cebreiro é tan intensa, que é imposible describila con palabras, a forza interior que recibes dentro do teu ser  aínda que non sexas crente, (facede a proba e xa me contaredes se digo verdade).

Pasando por Liñares, polo alto do San Roque, pódese ver un gran monumento ao peregrino,  e pasando antes polas  aldeas de Hospital da Condesa, Alto do Poio, Fonfría, Biduedo e Triacastela  chegamos a Samos.

Desde Pedrafrita ao Poio todo é subir, do Poio  a  Samos  ao revés, un permanente descenso. Porén,  eu esta vez quero chegar á miña aldea  canto antes,  así  cando suba ao  alto do Poio, apartareime do Camiño de Santiago e, pasando por pequeñas aldeas,  Porfía, Louzarela, Carqueixeda,  Santa Mariña e San Andrés de Gundriz, así, por un entorno privilexiado entre castiñeiros, carballos, freixos, bídalos, piñeiros, uces, xestas e toxos en flor,  sempre en coche e grazas á destreza ao volante dun  amigo meu, chegamos  ao  lugar de destino, despois de subir e subir ata o máis  alto do monte.  Os que  non forades  nunca  alí, a bo seguro que pensastes que alá arriba só pode haber lobos, que tamén, pero aínda  vive xente en Portela de Lóuzara, a aldea onde  eu nacín alá polo ano cincuenta e sete, e os que xa morreron tamén están sempre con nós, porque nunca os esquecemos.

Quero dícirvos que merece a pena subir tan arriba ata Portela, a sensación só se explica vivíndoa, cando chegas alí  a mirada pérdese no infinito e parece que un case toca o ceo coas mans, as vistas desde aqueles  cumes son marabillosas, a paisaxe chea de verdor está en todas partes, ceo e natureza que podemos apreciar mirando a un lado O Courel e polo outro lado ao  Val de Lóuzara; por un instante sentímonos  mulleres e homes libres ata que volvemos á cruel realidade.

Portela ten  doce casas e poucos veciños que gozan  da auga da fonte, porque bares non temos, nin restaurantes tampouco. Temos unha escola baleira e unha igrexa pequena cun santiño moi  milagreiro, San Lourenzo; é  o veciño máis traballador da aldea,  todos,  lle facemos encargos que nunca lle pagamos, iso si, cada dez de agosto de cada ano a cita obrigada de todos os  que nacemos en Portela, onde queira que esteamos polo mundo é ir á celebración da festa no seu honor. Non o esquezades quedades todos convidados  ás  “Festas en Portela de Lóuzara en honor a San Lourenzo o 10 de agosto de cada ano”.


Carme Marcos



1 comentario:

Anónimo dijo...

Parabéns Carme, eu gosto de todo iso que cuntas.
Bicos dende Meiraos- o Caurel