Hoxe quero contarvos donde está a
miña aldea natal Portela. Portela pertence ao concello de Samos na
Provincia de Lugo, está situada no máis alto das montañas de Lóuzara, berce de artistas, artesáns e poetas, un deles, o poeta Fiz Vergara Vilariño.
Portela de
Lóuzara está ademais moi
preto O Courel, terras e paisaxes
que inspiraron os versos e poemas
de María Mariño e Uxío
Novoneira, dous grandes escritores e
poetas galegos.
Para chegar alí, desde Madrid, por
forza, é preciso pasar por unha
das etapas máis bonitas da ruta do Camiño de Santiago, moitos camiñantes
inician a súa peregrinación precisamente en Pedrafita do Cebreiro pasando
polo Cebreiro, claro que eu, cando pasei a ultima vez por alí estaba chovendo e había
moita néboa, non tiven a sorte de ter un día despexado e desfrutar da
paisaxe por uns instantes.
Como dicía, saes de Pedrafita xa
sexa andando, en bici ou en coche, pola estrada
que descorre por un frondoso bosque, ata ascender a unha cume, ate chegar ao Santuario do
Cebreiro, unha aldea que pertence ao
Concello de Pedrafita do Cebreiro, provincia de Lugo.
Como queira que
sexa, é parada obrigada nese lugar tanto
se es peregrino coma se non, a paz espiritual que podes sentir dentro dos muros do Santuario do Cebreiro é
tan intensa, que é imposible describila con palabras, a forza interior que
recibes dentro do teu ser aínda que non
sexas crente, (facede a proba e xa me contaredes se digo verdade).
Pasando por
Liñares, polo alto do San Roque, pódese ver un gran
monumento ao peregrino, e pasando
antes polas aldeas de Hospital da Condesa,
Alto do Poio, Fonfría, Biduedo e Triacastela
chegamos a Samos.
Desde
Pedrafrita ao Poio todo é subir, do Poio
a Samos ao revés, un permanente descenso. Porén, eu esta vez quero chegar á miña aldea canto antes,
así cando suba ao alto do Poio, apartareime do Camiño de
Santiago e, pasando por pequeñas aldeas,
Porfía, Louzarela, Carqueixeda,
Santa Mariña e San Andrés de Gundriz, así, por un entorno privilexiado
entre castiñeiros, carballos, freixos, bídalos, piñeiros, uces, xestas e toxos en
flor, sempre en coche e grazas á destreza
ao volante dun amigo meu, chegamos
ao lugar de destino, despois de
subir e subir ata o máis alto do
monte. Os que non forades nunca
alí, a bo seguro que pensastes que alá arriba só pode haber lobos, que
tamén, pero aínda vive xente en Portela de
Lóuzara, a aldea onde eu nacín alá polo
ano cincuenta e sete, e os que xa morreron tamén están sempre con nós, porque
nunca os esquecemos.
Quero dícirvos que merece a pena subir tan arriba ata Portela, a sensación só se explica vivíndoa, cando
chegas alí a mirada pérdese no infinito
e parece que un case toca o ceo coas mans, as vistas desde aqueles cumes son marabillosas, a paisaxe chea de verdor está en todas
partes, ceo e natureza que podemos apreciar mirando a un lado O Courel e polo
outro lado ao Val de Lóuzara; por un
instante sentímonos mulleres e homes
libres ata que volvemos á cruel realidade.
Portela ten doce casas e poucos veciños
que gozan da auga da fonte, porque bares
non temos, nin restaurantes tampouco. Temos unha escola baleira e unha igrexa
pequena cun santiño moi milagreiro, San
Lourenzo; é o veciño máis traballador da
aldea, todos, lle facemos encargos que nunca lle pagamos, iso
si, cada dez de agosto de cada ano a cita obrigada de todos os que nacemos en Portela, onde queira que esteamos
polo mundo é ir á celebración da festa no seu honor. Non o esquezades quedades
todos convidados ás “Festas en Portela de Lóuzara en honor a San
Lourenzo o 10 de agosto de cada ano”.
Carme Marcos
1 comentario:
Parabéns Carme, eu gosto de todo iso que cuntas.
Bicos dende Meiraos- o Caurel
Publicar un comentario